lunes, 2 de mayo de 2011

Soño.

Camiño por esta senda, xa marcada por ti, na escuridade mitigada por catro ou cinco farolas. Síntome libre, anónima, singular... simplemente porque o silencio é o meu único compañeiro. Estou soa, si, pero mellor ca nunca. Os meus pés marcan o ritmo, non eu, acompasados cos latidos do meu corazón... Os meus ollos ábrense, como buscando un tesouro escondido, un misterio remoto, un segredo. Non escoito nada, e, sen embargo, iso non me produce medo... non sinto pánico ó non escoitar máis que a nada (se é que existe a nada)... Saboreo este momento, intento gardalo para min, a paz non se consigue moitas veces neste caos constante... Os meus dedos debuxan garabatos mal feitos ao longo das farolas... son suaves, frías... predecibles; pero sen embargo recréome nesta actividade, coma se se me fora o alento niso. Séntome. Unha brisa de aire, fría, aloumiña o meu pelo mentres as primeiras raiolas do sol fan o imposible por aparecer. Sorrío, son feliz. Apoio os meus pés no chan, primeiro o dereito, logo o esquerdo, fago un pequeno esforzo por levantarme. Volvo sorrir. Alónxome despacio...




...aquí comeza o primeiro destes dous días ós que chaman vida.


M.

No hay comentarios:

Publicar un comentario