viernes, 4 de noviembre de 2011

A Matilde Abadín e Iago Valín

…Porque estas liñas foron prometidas nun caluroso día de máxico verán, onde todo se xuntou en sinfonías e sorrisos (de reencontro e alegría)

***

Compositor de sonatas e soños,
permíteme que as túas notas inunden os confíns da miña alma,
mestúraas co percutir senlleiro das pingas de auga,
sobre as teclas de marfil e mailos teus dediños de lá.

Metafísica das faíscas ardentes.
bailadela ditosa en noite de lúa chea,
Cos pés nus e inocentes.
O río lambe vagaroso os fiúnchos da beira.

 As notas idiófonas bísbanche verbas bonitas,
suspiros lenes, claros, tranquilos… durmiñentos…
que me transportan por pradarías de carballos e bidueiros,
ilustrados en papiro coa cor carmesí.
                                        


Sons de tren que emanan nostalxia son comparables ao axitar dun pano lembrando unha estación lonxana. Felices reencontros que tildan a vida dunha cor verán e rompen a monotonía en cadoiros bategantes. Traqueteo de raíl, cal contrapunto de preludio a día memorable. Perfecto.
A xornada, [por predición asegurada antimeteoroloxía] é idónea para captar as instantáneas máis inesperadas, adobiadas con tons de salitre e brisa da Mariña. Intento 1, 2, 3… 1, 2, 3… resultando: un álbum arquivado fortemente na mureira do pensamento, nos últimos e máis inexplorables retrincos do maxín.
Deixamos no solo a pegada analéptica, só as árbores, a terra e o tempo son testemuñas. Ai, e o mar... ese mar que nos mostrou os confíns do Universo.
Risas, recordos, supostos, amenceres e pensares. Cóctel de inquedanza e explosión de pensamento. Non son necesarios máis nomesquesemellancalificativos. É suficiente o sentimento desa xornada tan única, que, sen que sirva de precedente, agardo repetir.
Á fin, a despedida, que NON é un adeus, senón un clásico ata logo. Despedida nun incorpóreo tempo de serán, por un reloxo que se quedou esqueceu de tocar… (quedou prendado dun fume que non volveu)  e paranoia de descarrilamento. Que non cunda o pánico. Xa pasou todo. Xa podemos volver a lembrar e deleitarnos.

 Pola ciclotimia do que vivimos e o que nos queda por vivir. Polos versos prometidos.


Con agarimo, a Matilde Abadín e Iago Valín. Gracias por esa marabillosa xornada.


L.


1 comentario:

  1. brillante !! noraboa Lucía, sinceramente o teu naturalismo á hora de describir e dunha precisión excelente. Espero unha próxima. Saúdos.

    ResponderEliminar