sábado, 16 de abril de 2011

Nunca deixes de buscar o teu tesouro.

Se o analizamos ben, a nosa vida, ó fin e ó cabo, é coma unha búsqueda do tesouro. Ese xogo que, case seguro, nos acompañou a todos nós na nosa infancia. Un xogo que se converte nunha rutina no noso día a día ao ir pasando os anos. Pois, ao longo do tempo, a nosa existencia resúmese na búsqueda da felicidade. Ese ben tan prezado por nenos e maiores, ricos e pobres, famosos e non tan famosos... o ben que consigue facernos realmente millonarios.
Aínda que, ben é certo, cada día vemos máis lonxano o momento no que consigamos sentirnos voar coma unha nube... Mais, por máis difícil que nos pareza, nada (e moito menos iso) é imposible de conseguir.
Por iso, a nosa vida, convértese nesa búsqueda continua, nese misterio permanente... Cando case non levantamos un metro do chan, buscamos con eses olliños esperanzados á nosa nai á saída do colexio, pois é ela quen nos dá esa seguridade co seu sorriso, tarde tras tarde, de que todo irá ben... Logo buscamos encaixar nun grupo de amigos, ter unha mellor amiga, a utopía do amor eterno... buscamos, buscamos e buscamos... E todo para conseguir tocar, polo menos nun efémero instante, a felicidade coa punta dos nosos dedos. Nunca deixemos de ser felices, de permitir que nos rouben un sorriso...



 ...aínda que sexa neses momentos efémeros.


M.



No hay comentarios:

Publicar un comentario