miércoles, 23 de marzo de 2011

Eles.



Nenos tan fráxiles e á vez tan valentes. Nenos. Eses investigadores incansables, detectives dos recunchos do mundo. Pequenos seres que nos fan sentir os máis afortunados. Eles converten en maxia todo o que pode parecer que está a punto de derrubarse, crean un sorriso expresamente adicado a ti, sacado da nada... porque eles aínda SABEN facelo. Nenos que conservan ese brillo nos ollos que lles permite VER tódalas marabillas do mundo, esas que nós a medida que medramos, deixamos de percibir. Nenos. Coa súa imaxinación poden voar, soñar... de súpeto converterse nunha gaivota, libre, ondeando, facendo co aire unha carreira... Dun momento para outro, ser un superheroe, deses que salvan o mundo unicamente coa súa capa e a visión de raios X. Poden ser unha princesa encerrada nunha torre esperando polo seu príncipe azul... ou simplemente poder ser unha mamá ou un papá, porque devecen por ser maiores. Para eles o único obxectivo é aprender a ser maiores, cando nós o único que queremos é volver ser nenos... volver a xogar cunha bola de plastilina a que somos os mellores cociñeiros do mundo... a fabricar as nosas propias xoias... Cando imos medrando esquecemos que as cousas, de cando en vez, poden ser doadas. Nenos que, coas súas pequenas e débiles mans, poden crear un mundo só para xogar durante un rato... un mundo que despois quedará esquecido, apartado nun recuncho dos seus cuartos, porque xa estarán creando outro.
Neles destaca esa curiosidade que os incita a buscar as razóns de todo, cos seus infinitos e incansables POR QUEs, cos seus insólitos xogos... querendo aprender a cada segundo máis e máis. Necesitan saber, para despois poder admirar o seu arredor coa máis sentida incredulidade.
Pequenos seres que, cun choro, cun mínimo son, fan que tódolos teus sentidos se pousen nel, como conferíndolle tódolos seus desexos... ( téñeno permitido, son os donos do noso futuro).
Son eles os que manteñen os pilares desta a nosa sociedade. Son os que nos fan ver que aínda queda algo polo que loitar, polo que vivir, que soñar non é un mito, que podemos sorrir simplemente ó cantar unha canción ou ó andar descalzos pola area. Eles, simplemente, son os futuros escritores da nosa historia.

“Non podo estar máis segura de que a dirección tomada foi a correcta.”

M.

No hay comentarios:

Publicar un comentario