sábado, 19 de marzo de 2011

Opacos grises van poboando a mureira do horizonte... sons que perturban o tempo mentres o ar, paralizado racha o veo dun solpor santiagués.
As nosas faces deléitanse cos raios dun sol que xa torna atrapado, ao tempo que os cipreses, silandeiros, revelan o misterio da tranquilidade.
Sons de novo. Música. Porque sempre somos capaces de imaxinar unha melodía no subconsciente... con moito, moito verde. Olla como a extensión siluetea a figura da Berenguela.
Arredor, almas errantes queren que lles deamos a man, para pasear xuntos nun deambulatorio de sombras. Só falta a paisaxe de neve, neve que reflicta e refracte luces de sonata.
E agora... viruxe, que ondee os cabelos cun redoble de paixón alambicada. Aínda diría máis, alambicada e estrafalaria.
E volven os sorrisos. Intres incribles que non se esquecen. Porque nós queremos trazar o noso vieiro de lá con tinta moura cravada para sempre.
Por todo o que se ve sufragado en tardes de sol coma esta. Porque a beleza máis grande atópase naquel minúsculo gran de area, iluminado por ese sol... ese sol alambicado.
Triiiiiiiiiiiin...
Santiago de Compostela, Parque de San Domingos de Bonaval.
24/02/2011

L.

No hay comentarios:

Publicar un comentario