jueves, 17 de marzo de 2011



Fascíname como unha raiola de sol, un bufido de vento e a risa dun neno conspiran entre si para crear un efémero momento perfecto. Semella, neste mesmo instante, a personificación, a escena dunha película americana. Agora, o parque polo que paso día tras día para ir á clase convértese no escenario no que a vida decidiu representar unha das súas escenas.
Amigos, e non tan amigos, comparten confidencias, segredos, temores, noticias inesperadas da tarde dun xoves calquera; ela mírao despreocupada, atenta a aquelas palabras que a el tanto lle custa soltar... mostrando interese (un interese que quizais nin sequera ten), simplemente por facelo sentir ben.
Namorados, que xuntos comezan un novo minuto xuntos... porque non queren deixar pasar a oportunidade de agarimarse un pouco máis.
Nenos, xogando, soñando, sendo ELES, sen ser totalmente conscientes de que o mundo que se dispón ós seus pés está cheo de incertidumes, de misterios que non poden ser revelados...
Ela, obsesionada por perder eses quilos de máis, corre, se cadra non tan veloz, pero si persistente... mentres os seus ollos se perden en milleiros de pensamentos.
El, que sentado no banco, cos ollos húmidos e as mans suadas, libera toda esa tristeza que oprime o seu peito coa súa “salvación” na man, en forma de nicotina.
O verde anégao todo, escoito, case ó lonxe, o rumor da auga. O sol agóchase, empeza facer frío e parece que acabo de chegar... Algúns marchan... non quedamos moitos... pronto a escena chegará ó seu remate e o decorado quedará só, expectante... esperando ás novas escenas que se representarán mañá aquí. Mentres tanto, o vento, a auga, xunto coas estrelas e algún que outro minúsculo ser vivo fumigarán as horas creando o seu propio insólito xogo.
Gustoume formar parte, aínda que fora de actriz secundaria, desta pequena representación.

Antes, estar soa asustábame... hoxe, fíxome sentir libre.



M.



2 comentarios:

  1. simplementes apaixoante,!!!auguro un bofuturo ó bloge sobre todo se hai este nivel,, noraboa novamente M !

    ResponderEliminar